19/04/07

Furacán

O Pemán, o home do tempo, acertara na predicción, onte houbo un día de setembro con sol, e mesmo quente, e hoxe, un fai día grisañento, son os restos do furacán Daniel que chegaba gastado e case sen forzas do caribe, sen forzas leria!, que no Gran Sol marcaba ondas de seis a sete metros con forte erosión do mar, como dicía o metereólogo.

Polo pronto so orballaba, caía por terra a nube baixa da néboa, pero por enriba adiviñábase un teito cada vez máis negro, eran as doce do día e case había que prender a luz da casa.

A xente pechaba as ventás por fóra e ataba as uralitas dos cubertos, os vellos eran os que máis recomendaban estas tarefas pero non sei ata que punto pola experiencia propia ou pola influencia das imaxes do televexo, sobre as catástrofes naturais noutras latitudes.

En todo caso alviscábase algún perigo, ata eu mesmo podía sentilo, notábao no revoar nervoso das rulas e pombas de solaina a solaina, de pombal a pombal, de ponla en ponla, notábao na quietude dos estorniños nos seus pousadeiros e no acomodamento dos corvos nas ponlas baixas dos altos eucaliptos, ¡e eran as doce do día!. Saín da casa por ver a antesá dun acontecemento que se aveciñaba e dirixinme ó peirao por ver como ía discurrindo o día, mesmo parecía o último día ou polo menos o último día de algo, dunha etapa ou algo así, claro, que parvo, era o último día do verán, coincidindo coa chegada do Daniel.

A cada pouco a radio recomendaba unha serie de lerias da Protección Civil, pero a xente non facía moito caso disto, xa que normalmente recomendaban cousas a facer cando non pasaba nada e o día que realmente había un desastre ninguén o anunciaba antes, en definitiva o conto de que ven o lobo de cando cativos.

Baixei ó peirao por ver o mar e onde andaban eles, a verdade é que canto máis ollaba para o ceo máis me convencía de que algo gordo viña, e seguía buscando as pistas ó meu redor.Pero non os vin.

Xa non chovía nin poallaba, era como se todas as forzas da natureza, sobre todo do ceo e o mar, estiveran retendo forzas para de súpeto rachar sobre nós, o ceo cada vez máis veloz e máis mouro, as nubes víanse vir con velocidade dende as Cíes e pasar por riba dun como se perderan algo na súa carreira, o mar de cor parda escura batía con forza no cantil e retirábase moito, facía unha columna de auga coa forza do mar de fondo e deixaba un pozo ao retirarse, ata as ondas máis pequenas morrían cunha viravolta, apenas erguendo un borrego pero deixaban un bache ó se retirar, o mar tamén gardaba forzas.

As gaivotas estaban pousadas no prado, lonxe do mar, os carráns voaban preto da costa, a simple vista podíanse ver pardelas e mascatos, os corvos mariños nas beiras das lanchas, todo indicaba o mesmo, e eles non estaban.

No peirao, a cotío cheo de pescadores de cana apañando muxo tras muxo, estaba baleiro de xentes, agás un par de mariñeiros amarrando os botes ou turrando pola rampa do carro, para evitrar que o mar os estampara contra o espigón, unha vez máis todo indicaba que o aviso da Protección Civil, desta, non era de coña.

Alá polas dúas oíronse os primeiros trebóns máis alá das Cíes, collín dirección da casa, porque amais había que xantar, botei unha última ollada por ver se eles tamén andaban na percura do abrigo da enseada.

Toda a tarde botou a poñerse máis negro o ceo e máis pardo o mar, os trebóns, pausados unhas veces e seguidos outras, achegábanse pouco a pouco anunciando o culme da liberación de tanta enerxía do Atlántico acumulada.

Dende a xanela vía toda a enseada e a situación de cada un dos protagonistas da escea. Pero eles, eles…eles non estaban.

Logo da hecatombe, de tantas horas de furacán, chegou a calma, non hai tormenta que non escampara!!. Cada un termaba do seu e miraba onde fóran parar as súas cousas. O que o furacán consuma nós porémolo de pé, dicían os máis vellos.

Dende o peirao miraba para o mar adentro, buscabaos a eles acaso na praia, por facerme na pior das situacións. Eu miraba por velos, e eles non estaban. Pero, cando din a volta para marchar, dende alá, de dentro da Ría vin un chapoteo, e de seguido, un cativiño a saltar na proa da manda. Os arroaces entraran ata o fondo da Ría, moito antes de que o ceo se puxera gris, nen tan sequera negro, moito antes de que me preocupara por eles. Alí, gardado no máis fondo da enciclopedia délfina, unha nota a pé de páxina diríalles que em caso de emerxencia había que resgardar a semente no fondo da Ría, aínda a risco de varar, logo, na calma, cando todos estabamos atarefados desfacendo os entuertos do furacán, alá, ao lonxe, pasaron unhas pequenas aletas cara ó mar aberto, cara ó océano limpo. Ían alegres de manterse todos xuntos, todos unidos para fortalecerse frente as adversidades.

Tranquilo por telos por fin atopado, dirixinme ó primeiro que atopei para axudarlle a voltear a dorna que unha man acuática puxera quilla ó sol.